Entregados os II Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, acompañado pola familia Sixto-Seco entregou esta mañá os II Premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, promovidos pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Agadic para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais e creativas.

O acto celebrado no coworking do Gaiás contou coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; do director de Agadic, Jacobo Sutil; e das fillas do intelectual Agustín Sixto-Seco, destacado promotor cultural a quen se lle dedican estes premios nos que resultaron gañadores Santiago Berdullas co sistema Aspie para smartphones na categoría de internet, Soraya Redondo coa firma téxtil ‘Frigilda is dead’ no apartado de deseño e Clara Rodríguez Cordeiro con ‘7H Cooperativa Cultural’ no eido da xestión.

O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos gañadores así como a todos os participantes nesta convocatoria pola súa valentía e a súa capacidade para emprender en tempos de crise. Vázquez aseguroulles que o apoio ás industrias culturais e creativas seguirá a ser unha prioridade durante o 2015, poñendo en marcha e apoiando iniciativas que contribúan a formar profesionais neste sector, dinamizar o tecido empresarial xa existente e potenciar as súas particularidades e necesidades.

Centro de Emprendemento

De feito, na súa vocación de converterse nun espazo para a cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, o conselleiro de Cultura e Educación recordou que a Cidade da Cultura impulsa nun dos seus catro edificios o Centro de Emprendemento, no que se engloba un espazo de coworking e un viveiro de empresas, e que o pasado setembro sumou o proxecto destinado ao emprendemento tecnolóxico: Galicia Open Future, en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). 

Tras a boa acollida do espazo Coworking Gaiás, no que a día de hoxe xa están operando 35 proxectos empresariais, a Cidade da Cultura lanzou este verán o Viveiro Gaiás, destinado a acoller empresas que están a dar o seus primeiros anos e que buscan unha contorna axeitada para desenvolverse. A previsión é que, a finais deste ano, o Centro de Emprendemento do Gaiás acolla un cento de proxectos, consolidándose como un motor do apoio a innovación empresarial a xeración de novas empresas en Galicia. 

Todos os emprendedores que queiran coñecer máis sobre este espazo dedicado a potenciar as industrias culturais e creativas, teñen toda a información dispoñible en www.cidadedacultura.gal. 

Apoio e titoría ás empresas

Cada un dos premiados nesta segunda edición dos Emprende Gaiás-Sixto Seco incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás; asistirá, con todos os gastos pagados, ao Zinc Shower 2015, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa. 

Tras recibir o dobre de proxectos respecto á primeira edición, á hora de avaliar as iniciativas o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia. 

Internet, deseño e xestión cultural

Na modalidade de aplicacións web e proxectos culturais en internet, o premio Emprende Gaiás-Sixto Seco recaeu en Santiago Berdullas Silva e o seu proxecto Aspie, unha aplicación de xeolocalización en espazos culturais para teléfonos móbiles e tablets. 

Este sistema permite establecer a posición do usuario no interior dun edificio sin utilizar o sinal GPS. É idóneo para museos e espazos culturais, tanto para indicar puntos do edificio como rutas e destinos e, ademais, interacciona coa posición do usuario mostrándolle información da contorna que o rodea. A app tamén incorpora son, o que permite a súa aplicabilidade para persoas discapacitadas visuais e auditivas. 

Na área de deseño, a gañadora é Soraya Redondo Taboada co seu proxecto téxtil ‘Frigilda is dead’, elaboración de deseños sobre lienzo que a deseñadora traslada a pezas téxtiles de xeito individualizado e personalizado. Cada peza téxtil é única e ten a súa propia historia, que poderemos coñecer na web de venda online. A firma inclúe tamén produtos de orfebrería artesanal con deseños e produción propia.

Por último, na categoría de xestión cultural resultou gañadora Clara Rodríguez Cordeiro con 7H Cooperativa Cultural, un proxecto de traballo asociado para profesionais de xestión e creación contemporánea. A través dunha ocupación artística de espazos e contextos sociais destinados a investigación, produción, difusión e experimentación creativa, pretenden establecer conexión entre o mundo artístico e a sociedade. 

A primeira edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, convocada en 2013, tivo como gañadores a Hugo Crespo Pazos co proxecto Coolto na modalidade de proxectos culturais en internet, Isabel Albela González coa iniciativa Boh na área do deseño e Benjamín Trillo Díaz no eido da xestión cultural. Tres proxectos que xa se están a desenvolver no marco do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia. 

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego. 

Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volúmenes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.