Las mujeres del Seminario de Estudos Galegos | Exposición Biblioteca de Galicia

Desde o día 10 de outubro ata o día 26 de xaneiro de 2024 poderá verse na Biblioteca de Galicia a mostra bibliográfica “As mulleres do Seminario de Estudos Galegos”.

Está composta polas publicacións existentes na propia biblioteca relativa ás mulleres que tiveron algún tipo de relación co seminario, ben como socias activas, ben como protectoras, ben como usuarias da súa biblioteca.

Ademais de conformaren unha elite intelectual con grandes inquedanzas sobre Galicia, coma o resto de compoñentes do seminario, estas mulleres entraron en espazos reservados ata o momento só a homes, polo que abriron camiños novos a posteriores xeracións de mulleres.

Moitas delas foron persoas senlleiras, de gran valía e que levaron unha vida de marcada proxección social. Pensemos en Pura Lorenzana, Sara Leirós, Luisa Cuesta ou Carmen Pardo Losada. Eran parte desas mulleres “modernas” que buscaban desenvolver as súas capacidades por medio dunha carreira profesional e non cun bo casamento. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos e algunhas tamén conseguiron premios profesionais ás súas carreiras.

O golpe de estado do 36 e o franquismo posterior tronzaron de parte a parte estas interesantes e renovadoras iniciativas. Tanto o feminismo incipiente coma a reivindicación galeguista e o progreso intelectual foron perseguidos e condenados durante toda a ditadura, así coma as persoas que os representaron.

Quen eran esas mulleres? Que foi delas máis aló da súa relación co SEG?

Dar a coñecer mellor o seu labor e as súas vidas é o que se pretende mostrar nesta pequena exposición bibliográfica. Nela reúnense algunhas das publicacións que estas mulleres presentaron no seminario, outras publicacións delas posteriores á súa relación co seminario e varias obras doutros autores ou da prensa que falan sobre as súas obras ou as súas vidas.