A exposición 'Auga Doce' abre as súas portas o 21 de marzo

Santiago de Compostela, 20 de Febreiro de 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurará o vindeiro 21 de marzo a terceira grande exposición da Cidade da Cultura: ‘Auga Doce’. Esta será unha mostra multidisciplinar formada por 700 obras nas que grandes mestres da arte lle renden unha homenaxe a un elemento clave na identidade galega como é a auga doce. A mostra non terá custo para a Xunta de Galicia xa que estará financiada polo patrocinio de empresas privadas, acordos que se darán a coñecer proximamente.

Tras ‘Gallaecia Petrea’ e ‘Orinoco. Viaxe a un mundo perdido’, ‘Auga Doce’ convértese na terceira grande exposición do Museo Centro Gaiás, que ten acollido tamén outros proxectos como ‘Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media’. Coa nova exposición, que ocupará as catro plantas do museo, a Cidade da Cultura quere pór en valor un elemento referencial no patrimonio cultural e natural de Galicia, a auga doce, e facelo achegándonos a ela a través da arte.

Será unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée D’Orsay, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra.

Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou obxectos etnográficos mergullarán o visitante nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación contemporánea como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz, e mestres clásicos da talla de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon.

Mensaxe sustentable e solidaria

A través da arte, a exposición, que se inaugurará precisamente na véspera do Día Mundial da Auga, convidará a reflexionar sobre os desafíos que se perfilan na xestión responsable da auga. Nesta liña, a mostra colabora con dúas organizacións humanitarias: a ONG galega ‘Pozos de Auga Mayo Rey’, que está a traballar na construción de pozos nunha das rexións máis desfavorecidas de Camerún; e “Acción Contra el Hambre”, dedicada a promover o acceso á auga potable.

Este discurso ambiental e solidario de ‘Auga Doce’ leva a enmarcar esta exposición no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), pasando a integrar unha ambiciosa programación que pretende impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia. 

‘Auga Doce’ preséntase como un proxecto de produción propia da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que ten á fronte á directora de Acción Cultural, María Pereira, e que contou coa colaboración dun comité científico integrado por Vicente Pérez Muñuzuri, director de MeteoGalicia; Benigno Amor, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia; e Silvia González Soutelo, doutora en Historia-Arqueoloxía e especializada en Arqueoloxía da Auga. A exposición contou ademais co asesoramento artístico de Marta González Orbegozo, ex conservadora xefe de exposición temporais do Museo Reina Sofía. A montaxe foi deseñada polo arquitecto Juan Carlos Arnuncio, responsable entre outros proxectos do Museo Patio Herreriano de Valladolid. 

Cultura galega e conexións universais

A relación especial de Galicia coa auga planeará sobre toda a exposición, que se converterá nun grande escaparate para descubrir a extraordinaria riqueza da nosa comunidade en recursos termais, minerais, enerxéticos e, por suposto, artísticos. ‘Auga Doce’ suporá unha viaxe polas propiedades das augas subterráneas, dos nosos “mil ríos” e mananciais, do aproveitamento histórico que os galegos fixeron da auga e, como non, a plasmación artística desta relación identitaria. 

As esculturas de Francisco Leiro, Manolo Paz, Acisclo Manzano ou Elena Colmeiro convivirán con intervencións ‘ad hoc’ de Jorge Perianes, Andrea Jambrina ou Rubén Ramos Balsa, pezas audiovisuais como a de Lois Patiño, pinturas como as de Laxeiro, Jenaro Pérez-Villamil ou Eugenio Granell, e fotografías como as de Javier Teniente ou Manuel Vilariño. 

Mais alá da nosa realidade, a exposición convida ao visitante a conectarse con outros pobos onde a auga define tamén a súa identidade e a súa cultura. Por primeira vez en Galicia, ‘Auga Doce’ ofrécenos a posibilidade de explorar expresións artísticas de comunidades culturais nas antípodas da nosa como a arte aborixe australiana ou a inuit do pobo esquimó, e aproximarse a outras realidades como a oriental a través dunha serie de estampas xaponesas, á africana ou á precolombina. 

Catro visións de ‘Auga Doce’

‘Auga Doce’ distribuirase polas catro plantas do Museo Centro Gaiás a través de catro grandes temáticas ao redor deste elemento. A exposición comeza descendendo ao mundo subterráneo a través de ‘Auga escondida’, explorando unha xeografía mítica que nos introduce nas grutas e glaciares como os que nos mostrarán as obras de Steve Duncan ou Robbie Shone; na riqueza das augas termais, cos nosos balnearios como grandes referentes; as propiedades dunhas augas do lecer e o sandar vistas por Guillermo Pérez Villalta ou Miao Xiaochun; ou arquitecturas imposibles como a imaxinada por Giovanni Battista Piranesi na súa fantástica augaforte ‘A cloaca máxima’ de 1778.

Desde o subterráneo, o visitante achégase a ‘Auga na terra’, surcada de grandes ríos e paisaxes sobrecolledoras, desde o universo creativo de Eugenio Granell á delicadeza da arte Ukiyo-e e as estampas xaponesas de mestres como Hokusai ou Hiroshige, o descubrimento da arte inuit, unha boa representación da Escola da Haia ou obras máis actuais como a pintura de Gerhard Richter, o segundo artista vivo máis cotizado no mundo da arte contemporánea. 

A viaxe continúa analizando a convivencia de ‘Home e Auga’: unha reflexión sobre o propio ciclo da auga a través da ollada de Chema Madoz, Hans Haacke, Nacho Criado ou Jorge Perianes; a loita titánica do ser humano por dominala e capturala a través da potencia visual de imaxes como ‘Vórtice’ de Daniel Canogar ou as fermosas fotografías en branco e negro de Ursula Schulz; ou as solucións domésticas e sociais para o seu maior aproveitamento, desde recipientes de auga ou cerámica da Real Fábrica de San Ildefonso ata a cristalería pasando pola arquitectura nazarí da Alhambra. 

A visita conclúe ‘Mirando ao ceo’, explorando os fenómenos atmosféricos plasmados nas pinturas de David Hockney, nas fotografías de André Kertesz –un dos país do fotoxornalismo-, ou nos debuxos de Louise Bourgoise. Xunto a eles, ‘Auga Doce’ presenta unha potente representación da pintura austríaca, con obras de Franz Sedlacek, Alfred Basel ou Max Neubök. O simbolismo emocional do tempo incorpórase a través das fotografías de Cristina García-Rodero ou da portuguesa Helena Almeida.

Actividades de dinamización

‘Auga Doce’ levará aparellada un programa didáctico con actividades vencelladas co respecto ao medio natural, o uso sostible da auga ou co valor artístico das obras que integran a exposición, ademais dunha serie de actividades coas que achegar a mostra a todos os públicos.

Visitas didácticas para escolares combinaranse con outras especialmente deseñadas para gozar en familia, experiencias lúdicas no Museo Centro Gaiás, conferencias nas que se profundará nos contidos da exposición, catas de auga ou obradoiros científicos e lúdicos.