Verán no Gaiás | As Nocturnas 2019

Vivide unhas noites de verán diferentes no Museo Centro Gaiás! Con As Nocturnas gozaredes dunhas visitas comentadas á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia en grupos reducidos e fóra do horario habitual para rematar estas descubertas nunha conversa pausada, amenizada con música, viño e petiscos.

Vinde a este percorrido especial pola artesanía tradicional da man de Fernando Martínez (xoiería); de Belén Sáenz-Chas (cestería); e de María García Alén (olería). Pechará o ciclo a comisaria da mostra Verónica Santos.

  • As sesións DJ dos días 29 e 30 de agosto será de MisterChocoDj (Hi-Fi:Wi-Fi) 
  • As sesións DJ dos días 5 e 6 de setembro será a cargo de Javier Amosa DJ

CALENDARIO 

  • Xoves 29  de agostoAs Noctunas da man dos coñecementos de Fernando Martínez (xoiería)
  • Venres 30 de agostoAs Nocturnas da man dos coñecementos de Belén Sáenz-Chas (cestería)
  • Xoves 5 de setembroAs Nocturnas da man dos coñecementos de María García-Alén (olería)
  • Venres 6 de setembroAs Nocturnas da man de Verónica Santos (comisaria de Pensar coas mans)

Así, a primeira quenda de As Nocturnas do xoves 29 de agosto contará para a visita comentada da exposición Pensar coas mans, co especialista en xoiería tradicional Fernando Martínez Vilanova. Este doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo é o autor dunha das publicacións referentes nesta especialidade artesá, A ourivería tradicional en Galicia.

As Nocturnas do día seguinte, 30 de agosto, permitirán afondar na recoñecida tradición cesteira existente Galicia, da man da investigadora Belén Sáenz-Chas, responsable do Departamento de Conservación do Museo do Pobo Galego, institución que colabora na exposición Pensar coas manscoa cesión de pezas de alto valor etnográfico, entre elas, unha representación das diferentes cestas e cestos, característicos segundo as zonas e os usos en Galicia.

Para o primeiro xoves de setembro o ciclo mergullarase na olería galega, da man de María García-Alén, filla do investigador Luciano García-Alén, figura imprescindible na posta en valor e recoñecemento desta disciplina artesá na nosa comunidade e quen dignificou os oficios artesáns a través de La alfarería de Galicia, publicación de finais dos anos 70 do pasado século e que aínda continúa a ser un referente de estudo.

Porá o alfinete ao ciclo a mesma comisaria da mostra Pensar coas mans, Verónica Santos Farto, historiadora da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Departamento de Exposicións da Cidade da Cultura de Galicia, no que será a derradeira As Nocturnas da programación de Verán no Gaiás 2019 que servirá para ter unha visión global da exposición e das tres artesanías representadas: xoiería, cestería e cerámica.