Visita virtual a 'As miradas de Isaac'

Xa é posible afondar en todas As miradas de Isaac  a través dunha completa visita virtual.

Deste xeito, a actividade presencial suspendida entre o 27 de xaneiro e o 17 de febreiro para o Museo Centro Gaiás non vai ser impedimento para descubrir e gozar da primeira grande exposición, tras o seu falecemento en 2012, en homenaxe a Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis importantes da historia da cultura galega do século XX.

Navegar polas dez seccións da mostra

A través da realidade virtual, ides transitar polo andar 1 do Museo Centro Gaiás e percorrer devagar e cos vosos tempos as dez seccións coas que se fai un percorrido vital e profesional dun creador inesgotable que foi pintor, escritor, editor, deseñador, ceramista e impulsor de importantes proxectos culturais como o Laboratorio de Formas, Sargadelos, Ediciós do Castro ou Museo de Arte Comtemporánea Carlos Maside.

Deste xeito, a través do ordenador ou doutro tipo de dispositivo móbil ides descubrir a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá; a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Seminario de Sargadelos ou o Instituto de Galego de Información; o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Todas estas facianas están reflectidas a través dunhas 500  obras de arte, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais para reconstruír os seus 91 anos de vida e proxectos. En todo caso, As miradas de Isaac tamén procura, en definitiva,  expresar a excelencia humana de Díaz Pardo, posiblemente un dos personaxe máis homenaxeados, admirados e queridos da historia recente de Galicia.

Contidos audiovisuais

Ademais, na visita virtual podedes parar nas pezas destacadas, onde obter máis información polo miúdo dunha obra, creación ou proxecto deste inesgotable creador. Entre os recursos polos que navegar,  tamén ides atopar pezas audiovisuais que farán o voso percorrido máis dinámico e variado.

A máis destacada é a videoinstalación dirixida pola fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz en colaboración co realizador Jordi Cussó.  Realizada partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro con Isaac, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a figura de Díaz Pardo, máis acorde coa súa propia visión vangardista, na que se quere revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.