Hábitats. Natureza estendida

Hábitats. Natureza estendida é unha experiencia sensorial inmersiva que atravesa a diversidade de ecosistemas do planeta Terra, nunha viaxe polos cinco continentes. Combinando nunha única capa os mundos físico e dixital, Hábitats transpórtanos, sen saír do Museo Centro Gaiás, por nove destinos nos que poderemos convivir e interactuar con animais e plantas recreadas grazas ás tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada.

Do deserto de Sonora en Estados Unidos á Gran barreira de coral australiana, desde ao Mar de Weddell na Antártida á Cova de Ceza no Courel, entre outros, atoparemos na nosa aventura elefantes, tartarugas, baleas, axolotes e moitas outras especies ás que teremos o privilexio de observar de preto nos seus propios hábitats, grazas ás lentes de realidade virtual.

Accesible a partir dos 9 anos de idade, a instalación está deseñada como unha experiencia inmersiva de realidade mixta, isto é, que combina compoñentes de realidade virtual e aumentada con escenografía e elementos ambientais. Coas lentes postas, a arquitectura da Cidade da Cultura non desaparece, senón que sobre ela xorde algo máis. Carlos Seijo, director do estudo galego Maxina, especializado en efectos visuais, animación e contidos inmersivos, é o responsable da idea conceptual e desenvolvemento do proxecto. 

Hábitats. Natureza estendida ofrece unha natureza inspiradora, transcendente e dun poder plástico vibrante, permitindo explorar de maneira segura lugares inaccesibles, facendo visible o invisible, e incluso traendo de novo á vida especies xa extintas. Unha nova e emocionante maneira de entender a complexidade inherente aos ecosistemas e á vida no noso planeta, así como a capacidade de influír neles que ten o ser humano.

As entradas para Hábitats. Natureza estendida poden adquirirse a un prezo de 3 euros (+gastos de xestión, descontos aplicables) en Ataquilla.com e no Museo Centro Gaiás. As nenas e nenos menores de 12 anos deben realizar a experiencia acompañados dunha persoa adulta responsable que deberá adquirir tamén unha entrada.

A instalación está aberta do 5 de decembro de 2023 ao 19 de maio de 2024, de martes a domingo (agás o 24 e 31 de decembro de 2023, que pecha o Museo Centro Gaiás). Haberá oito sesións cada día, catro de mañá (entre as 10:30 e as 14:30 h), e catro de tarde (entre as 16:00 e as 20:00 h), cunha duración aproximada de 40 minutos cada unha. Ata 10 persoas poderán vivir a experiencia de maneira simultánea en cada sesión.

A partir de xaneiro, haberá tamén visitas didácticas gratuítas para centros escolares, de martes a venres en horario de mañá, para grupos a partir de 5º de Primaria. Máis información e reservas dentro do Programa didáctico 2023-2024 da Cidade da Cultura.

Carlos Seijo - Maxina

Carlos Seijo (A Coruña, 1980) é un artista audiovisual galego cunha traxectoria que nace da estética e os gráficos xerados por ordenador para fusionarse, nos seus últimos proxectos, coas tecnoloxías emerxentes de realidade estendida e virtual. Na actualidade dirixe o estudo galego Maxina, fundado xunto coa súa irmá Noela Seijo e especializado en efectos visuais, animación 3D e contidos inmersivos. 

En Maxina realiza proxectos para institucións e empresas galegas e españolas próximas á ciencia, a arte, a innovación e a cultura, como Afundación, Netflix, Ferrovial, Xunta de Galicia ou o Guggenheim de Bilbao, entre outras. Con Olas del sur, consegue o recoñecemento internacional como finalista dos Hollywood Music Awards 2015. O seu interese hoxe en día céntrase na creación de experiencias inmersivas enfocadas ao espazo museístico, cunha pulsión creativa moi ligada ás tecnoloxías de realidade virtual e mixta e á intelixencia artificial.

Maxina é tamén a responsable do deseño e programación da realidade virtual das experiencias do Galiverso, proxecto desenvolvido en colaboración coa Xunta de Galicia a través do que crea un soporte inmersivo para a virtualización do patrimonio cultural galego.