Fillas de Galicia. Mulleres na emigración | Exposición Día da Muller no Arquivo de Galicia 2024

Con motivo do Día Internacional da Muller e no marco da serie Mulleres Sobranceiras, o arquivo de Galicia organiza a exposición Fillas de Galicia. Mulleres na emigraciónunha invitación á reflexión sobre o significado da dobre condición de ser muller e migrante.

Con ela quérese poñer de manifesto a desigual participación que homes e mulleres tiveron nas asociacións de emigrantes en tempos e espazos diferentes. Un escenario no que, sen embargo hai tamén luces e sombras.

En total móstranse un total de 56 documentos, entre os que se atopan libros de actas, de firmas, fotografías, historias clínicas e solicitudes para beneficiarse do Programa Reencontros que a Xunta de Galicia desenvolve para axudar a persoas emigrantes galegas con escasos recursos económicos a viaxar a Galicia. 

Os documentos que se exhiben en seis vitrinas proceden, maioritariamente, de dúas asociacións nacidas para ser punto de encontro dos galegos fóra da súa terra: unha en Uruguai (A Casa de Galicia de Montevideo, nacida en 1917) e a outra en Barcelona (Asociación “O Penedo” Fogar Galego, fundada nos anos 80). Xunto a eles se exhiben tamén historias clínicas do Hospital Psiquiátrico de Conxo e diferentes testemuños das relacións coas comunidades galegas levadas a cabo pola Administración autonómica desde os primeiros momentos da súa creación.

Asociacións controladas por homes

A través da diversa documentación reunida nas seis vitrinas que compoñen o percorrido, móstrase como as sociedades formadas polas galegas e galegos na emigración eran controladas polos homes, mentres que as mulleres tiñan un papel secundario, normalmente agrupadas nas chamadas Comisión de Damas, como sucedía en Montevideo. Algunhas cartas agradecendo a colaboración delas nos roupeiros durante as festas, xunto con fotografías deles sentados á mesa, dan conta desta situación.

Entre o material conservado da Casa de Galicia en Montevideo destaca a foto da primeira muller que formou parte da directiva, Olga González, no ano 1967. Ademais, as fotografías e libros de firmas deixan constancia das actuacións de mulleres artistas, moi recoñecidas en América, nas súas celebracións. É o caso da soprano María Valverde ou da compañía de teatro de Maruxa Villanueva, a primeira en representar a obra Os vellos non deben de namorarse (Bos Aires, 1941).

A comisión de sanidade, coñecida por Quinta de Salud, foi un fito fundamental na asociación. Nela as mulleres participaron como traballadoras pero con importantes diferenzas salariais con respecto aos homes no desempeño da mesmas funcións. Así quedou reflectido na documentación que se expón.

Trátase dunha realidade que se deu en espazos e tempos distintos. Así, a exposición serve para comparar o que sucedeu en Montevideo e en Barcelona con setenta anos de diferenza.  E é que os documentos pertencentes á Asociación “O Penedo” Fogar Galego, creada en Barcelona, amosan os mesmos roles a pesar de estar presidida dende a súa fundación por unha muller, Iolanda Díaz Gallego.

Saúde mental na emigración

A mostra tamén reflexiona sobre o papel destas sociedades de emigrantes na repatriación daquelas persoas con enfermidades cronificadas. Moitas mulleres diagnosticadas con problemas de saúde mental regresaron a Galicia, onde foron internadas en hospitais psquiátricos como o de Conxo. Destacan na mostra os expedientes de varias mulleres e cartas de familiares que se refiren ás distintas causas das súa doenza como “malos tratos”, “o clima” ou o “cambio de vida”.

 Programa Reencontros da Xunta de Galicia

A mostra remata cunha referencia ao Programa Reencontros co que a Xunta financia a viaxe a Galicia de emigrantes con escasos recursos. Algunhas solicitudes para acceder ao programa teñen un gran compoñente sentimental. Así, pode lerse nalgún destes documentos: “me trajeron con toda la familia por falta de recursos para subsistir, quiero volver a ver mi tierra” ou “al emigrar a Argentina tenía cinco años, me gustaría recorrer los lugares que mis padres tanto recordaban”.