Despois de realizar os seus estudos de arquitectura entre Barcelona e Xenebra, Ricardo Bofill crea en 1963 o Taller de Arquitectura, un estudio composto por arquitectos, enxeñeiros, sociólogos e filósofos.
Bofill é un dos máximos representantes do estilo posmoderno da arquitectura contemporánea. Nos seus proxectos tende á formalización a partir dunha idea de cidade vertical. As súas iniciativas conceden gran transcendencia ao uso das novas tecnoloxías e son sempre o resultado dun traballo multidisciplinar.
Autor dunha extensa obra teórica e galardonado con prestixiosos premios, na traxectoria de Bofill salientan estudos de planificación urbana para cidades como Praga, Madrid, Sevilla ou Montpellier (Antigone) e edificios emblemáticos como o Palacio de Congresos de Madrid, o aeroporto de Barcelona, o Teatro Nacional de Cataluña ou o Donnelley Building de Chicago.
Ricardo Bofill, Taller de Arquitectura [www]
Proposta para a Cidade da Cultura
O proxecto da Cidade da Cultura de Galicia, o novo obradoiro de Galicia, defínese como unha praza-balcón sobre Santiago de Compostela, organizado segundo edificios distintos ao longo das rúas.
Galicia, Sonimateca, Hemeroteca, Museo da Comunicación, Auditorio e Ópera son edificios separados, formalizados a través dun gran colector ecolóxico que é o Monte das Gaias. A estrutura harmónica do proxecto está baseada nunha espiral construída sobre o número de ouro, dous eixes perpendiculares e unha trama cadrada de crecemento logarítmico. Os usos principais, proxectados como tipoloxías desestruturadas, conforman novos tipos espaciais, posibles grazas a que cada un é independente e está apoiado no terreo.
A relación coa cidade é física e visual. A Cidade da Cultura de Galicia é un espello deformado e reinterpretado dos inmanentes que teñen configurado Santiago de Compostela. A praza, as rúas, os edificios emblemáticos e a arquitectura vernácula románica e barroca son a arqueoloxía sobre a que se proxecta unha nova modernidade. O concepto do proxecto permite unha gran liberdade e organicidade.
Un novo signo, un símbolo emblemático concibido a partir da lectura da cidade histórica, da relación con ela, da apertura visual sobre Galicia, onde a arte, a cultura e a ciencia se relacionan a través das tecnoloxías da información e da comunicación. Un lugar multidisciplinar e interactivo, á maneira dos mosteiros medievais, onde se conservaba e difundía o coñecemento.