Unha vida viquinga

A exposición internacional Unha vida viquinga é un dos proxectos máis destacados da programación da Cidade da Cultura para 2024. Comprende arredor de 120 pezas, das que un centenar proceden de fóra de España e pertencen a museos de historia e arqueoloxía de referencia en Europa arredor da cultura viquinga, entre eles catro museos nacionais e unha biblioteca nacional. Está comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos pola Universidade de Aberdeen, investigadora e especialista na Idade Viquinga, Irene García Losquiño.

A través dunha gran diversidade e obxectos históricos e arqueolóxicos, a exposición afonda na cultura nórdica durante a Idade Viquinga (da segunda metade do s.VIII á segunda metade do s.XI) máis alá dos preconceptos e estereotipos da cultura popular sobre esta civilización, amosando por exemplo a participación das mulleres nas camapañas guerreiras e de exploración, ou poñendo a ollada na cultura viquinga máis alá de Escandinavia, na súa interacción con outros pobos e terras, tanto en intercambios violentos e conquistas, pero tamén a través de asentamentos ou do establecemento de relacións comerciais.

O relato da mostra estrutúrase arredor da vida dunha persoa na Idade Viquinga: desde o seu nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata despois da súa morte, permitindo coñecer esta civilización desde unha perspectiva variada e moi humana, nun enfoque innovador que combina eventos de diferentes décadas e séculos dentro do límite temporal de “unha vida”.

'Galicia viquinga'

O discurso expositivo afondará en varias localizacións de contacto desta civilización na diáspora, entre as que se inclúe Galicia. A forza da expansión viquinga chegou ás costas galegas co mesmo ímpeto co que impactou noutros lugares do mundo, e malia non ser un territorio masivamente asentado por viquingos, varios séculos de visitas continuadas deixaron a súa pegada, especialmente en áreas como a Ría de Arousa ou a ribeira do Ulla.

En Galicia atopamos exemplos tanto de contacto violento continuado, como de asentamento a medio prazo en forma de campamentos, ou lugares onde se forxaron firmes alianzas e relacións de tipo comercial. Afondar nesta civilización significa tamén afondar no noso pasado e coñecer mellor unha parte da nosa historia.

Destacados museos de catro países

  • SUECIA: Statens Historiska Museet (Museo Nacional de Historia) e Ekonomiska Museet (Estocolmo); Sigtuna Museum (Sigtuna); The Gotland Museum (Gotland)
  • DINAMARCA: The National Museum of Denmark (Copenhague)
  • FRANCIA: Musée d'Archéologie Nationale et Domaine National de Saint-Germain-en-Laye (Yvelines)
  • ESPAÑA: Museo Arqueológico Nacional, Biblioteca Nacional de España, Real Academia de la Historia (Madrid); Museo de Pontevedra; Museo das Peregrinacións e de Santiago; Diócese de Mondoñedo
  • [+ Colección privada Shane McLeod]

Comisaria

Irene García Losquiño (Elche, 1984) | Doutora en Estudos Escandinavos e Máster en Estudos Medievais pola Universidade de Aberdeen. É investigadora e especialista na Idade Viquinga e liderou proxectos interdisciplinares que se centran na presenza viquinga na Península Ibérica en comparación con outras áreas como Inglaterra ou Normandía. Foi profesora de universidade e investigadora en institucións españolas, suecas, americanas e escocesas e o seu traballo foi recoñecido con premios da Real Academia Gustavus Adolphus de Suecia. Participou no documental Real Vikings —da produtora do exitoso drama televisivo Vikings—. Actualmente exerce como investigadora no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

Comité científico asesor

  • Neil Price | Catedrático distinguido de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala. Especialista en costumes funerarios, campañas militares, xénero e relixión da Idade Viquinga.
  • Charlotte Hedenstierna-Jonson | Investigadora senior no proxecto The viking Phenomenon da Universidade de Uppasale e o Museo de Historia de Suecia. Especialista en cultura material, marcial, economía, mobilidade e xénero na Idade Viquinga.
  • Alexandra Sanmark | Catedrática de Arqueoloxía Medieval do Instituto de Estudos do Norte, University of Highlands and Islands. Especialista en prácticas legais, cristianización e xénero na Idade Viquinga.
  • Declan Taggart | Doutor pola Escola de Estudos Escandinavos da Universidade de Aberdeen. Investigador postdoutoral en Háskóli Islands, onde traballa sobre normas morais, relixión e estrutura social na Islandia e a Escandinavia precristiás.
  • Stefan Brink | Doutor en Filoloxía Escandinava (Uppsala, 1990). Foi catedrático do século VI de Estudos Escandinavos na Universidade de Aberdeen e director do Centro de Estudos Escandinavos.
  • Rosa M. Rodríguez Porto | Investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en Historia da Arte Medieval, manuscritos e as influenzas artísticas escando-ibéricas na Idade Media.
  • Inés García López | Investigadora na Universidade Rovira i Virgili. Especialista en literatura nórdica, nórdico antigo, recepción e xénero; tradutora de sagas islandesas e poesía escáldica.
  • José Carlos Sánchez Pardo | Profesor titular de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en arqueoloxía da paisaxe medieval galega e europea, con experiencia na temática viquinga.
  • Manuel Gago Mariño | Xornalista cultural, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e comisario de exposicións. Especialista en tecnoloxía e divulgación do patrimonio nacional.