Da semente á árbore. Un ben para a nosa vida | Intervención paisaxística nas Torres Hejduk

Da semente á árbore. Un ben para  a nosa vida conecta coa idea orixinal para a que foron deseñadas as Torres Hejduk, pensadas como torres botánicas. Deste xeito, os espazos utilízanse a modo de invernadoiro, onde se recrean dous tipos de bosques galegos — atlántico e mediterráneo —, e como aula, onde se expoñen froitos, sementes e produtos finais obtidos da árbore.

A intervención pretende destacar a importancia dos bosques e do monte e a súa multifuncionalidade. Ecoloxicamente, os bosques caracterízanse pola dominancia dun estrato formado por árbores, elemento principal deste ecosistema onde conviven unha gran diversidade de especies animais e vexetais. As árbores tamén conforman o monte con outras especies arbustivas, de matogueira e herbáceas.

A experiencia convídanos a mergullarnos no ciclo forestal que vai dende a semente aos beneficios finais das árbores para a nosa vida: contribución á mitigación do cambio climático, protección do chan, conservación dos recursos hídricos ou fonte de recursos naturais e materias primas, ademais dunha función paisaxística, social, cultural e de lecer.

Intervención paisaxística de Mónica Rodríguez Parcero 

Enxeñeira de montes e enxeñeira técnica agrícola pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no sector dos viveiros e das empresas de servizos forestais e dende o 2007 desenvolve as súas funcións como xefa de Área de Fomento Forestal no Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural. Os seus cometidos abranguen o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución, o control da conservación das unidades xenéticas de recursos forestais, así como o que ten que ver cos plans de mellora xenética de diversas especies de interese para Galicia, entre outros. Desenvolve esta intervención con Estudios Técnicos Topysa, S.L. , cuxas actividades abranguen dende proxectos  a realización de proxectos de educación ambiental á xestión do medio natural.

 CARACTERÍSTICAS DA INTERVENCIÓN

Na torre de vidro ou “invernadoiro” recréanse dous bosques galegos: o bosque atlántico fronte ao bosque mediterráneo. Mentres, na torre de pedra, a modo de “aula, atopamos unha exposición que ten como obxectivo divulgar a trazabilidade do ciclo forestal que vai dende a semente ata os produtos finais obtidos da árbore e todos os seus beneficios.

Recreación do bosque atlántico e o mediterráneo:

  • Aproveitando a luz do espazo, recréase un bosque caducifolio da zona atlántica con planta viva das especies que predominan nel. Tómase como referencia o Parque Natural Fragas do Eume (Comarca do Eume, A Coruña) que representa este tipo de bosques no que á parte atlántica se refire. A vexetación arbórea a empregar estará formada por: carballos, bidueiros, freixos, ameneiros, pradairos e faia. A eles súmaselle a vexteación de matogueira como o fento, o toxo, a xesta, os breixos e as silvas.
  • En contraposición, e tomando como referencia o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra (Comarca de Valdeorras, Ourense), represéntase a vexetación do bosque da zona mediterránea con estas especies árboreas: castiñeiros, sobreiras, aciñeiras, érbedos e cerdeiras. Como matogueira empréganse xaras e breixos, entre outras.

Exposición en 4 bloques:

  • As sementes e os froitos. Amósanse en frascos identificados distintos tipos de sementes das especies forestais con representación nos bosques e montes galegos.
  • As plantas. Expóñense distintos tipos de plantas forestais das especies indicadas no punto anterior. Son de pequeno tamaño, para ver a evolución dende o sementado.
  • As árbores. Para coñecer distintas árbores na fase adulta atopamos unha mostra das follas para cada especie forestal. O bloque compleméntase cunha colección de madeiras para cada especie de xeito que se poida manipular, tocar e coñecer as cores e as texturas que nos ofrecen as madeiras das distintas árbores.
  • Produtos finais e outros beneficios. Mostra de produtos derivados das árbores: o papel, o cartón, a madeira no mobiliario e na construción, as resinas para a fabricación de adhesivos, pinturas e vernices, os taboleiros e contrachapados, os utensilios de cociña, etc. Ademais, nun panel recóllense os distintos beneficios que se poden obter das árbores: fixación de CO2, fonte de osíxeno, conservación de recursos xenéticos e biodiversidade, refuxio de multitude de especies animais, mitigación no cambio climático e conservación do chan e dos recursos hídricos, entre outros.