O prisma dos sentidos

Acisclo Manzano (Ourense, 1940) crea para a Cidade da Cultura unha capela que se abre á natureza e dialoga na distancia coa cidade de Compostela. Instalada no Bosque de Galicia e próxima á ruta Xacobea da Vía da Prata, que decorre paralela ao complexo do Gaiás na súa entrada á capital galega, esta intervención artística foi concibida polo recoñecido escultor ourensán como un lugar de oración e meditación, milagreiro e espiritual, aberto a quen decida recollerse no seu interior.

O prisma dos sentidos está composto por varias capas perforadas e grafiadas con estrelas, ondas e rostros nos que se filtra a luz, formando xogos evocadores e multisensoriais coa auga da choiva e o vento, ofrecendo unha experiencia única e íntima no medio da natureza.

Unha lousa no chan da parte central da obra, recrea a tumba dun suposto peregrino que finou nese mesmo lugar ao contemplar as torres da Catedral de Santiago desde a ladeira do Gaiás, antes de chegar a Compostela. [Podes coñecer a lenda de don Álvaro de Coimbra AQUÍ].

O prisma dos sentidos - detalles

Acisclo Manzano

Acisclo ManzanoCun interese pola escultura que espertou desde idades moi temperás, Acisclo Manzano é unha das figuras máis recoñecidas da escultura contemporánea en Galicia e España. Iniciou a súa formación na Escola de Formación Profesional e na Escola de Artes e Oficios de Ourense, continuando máis tarde a súa aprendizaxe en Santiago de Compostela, con Francisco Asorey e José Liste. Xa desde as súas primeiras encargas, cristos e figuras relixiosas en madeira, amosa unha clara tendencia á innovación formal.

Formou parte do grupo inicial de O Volter e tamén de Sete artistas galegos e durante sesenta anos expuxo a súa obra en Galicia e en grandes cidades de Europa e América. Recoñecido por críticos e historiadores, recibiu numerosos premios, como o Premios Nacional de Escultura en 1962 e 1968.

A súa escultura moveuse esteticamente dentro do universo figurativo, aínda que nalgúns momentos da súa carreira chegou a aproximarse ao territorio da abstracción.