Traballo en equipo. 30 anos do CGAC | Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC

Un aniversario é algo máis ca unha celebración. Lembrar unha historia é tamén facer balance, revisar e reler o pasado a fin de tomar impulso para encarar o futuro. Este exercicio de revisión implica ademais, necesariamente, o recoñecemento do traballo de todas aquelas persoas e institucións que, dun ou doutro xeito, participaron na planificación e execución dun programa e na construción dunha colección pública imprescindible. Por iso é polo que o título desta mostra, Traballo en equipo, pon o acento no esforzo colectivo de quen, desde 1993, contribuíu a construír e a consolidar un proxecto esencial para a cultura e a arte en Galicia.

Por mor do 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), dúas institucións dependentes da Xunta de Galicia , o propio CGAC e o Museo Gaiás da Cidade da Cultura, xuntan esforzos para celebrar e poñer de relevo a importancia transformadora do CGAC como museo, pero tamén, e sobre todo, como artífice, depositario e custodio da colección pública de arte contemporánea de referencia en Galicia.

Para tal fin, o proxecto Traballo en equipo articúlase en dúas exposicións complementarias pero independentes. Por unha banda, o edificio deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira albergará a mostra titulada Unha historia posible do CGAC, que se expón como un percorrido polas exposicións, actividades e publicacións promovidas polo centro desde a súa creación. Todo iso a través dos fitos e pezas singulares que, ao longo de tres décadas, foron marcando a súa historia e, paralelamente, a evolución do contexto artístico en Galicia. Doutra banda, nos espazos do Museo Gaiás, obra de Peter Eisenman, a mostra Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC propón unha abordaxe temática do presente a partir dos fondos da colección do centro compostelán.

Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC

MONA HATOUM. La grande broyeuse (Mouli-Julienne x17). Foto: Mark Ritchie 
ÁNGELA FERREIRA. Messy Colonialism / wild decolonization. Foto: Ovidio Aldegunde 

Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC é unha relectura da colección marcada por algúns dos grandes temas do mundo contemporáneo: natureza e ecoloxía, diálogos co espazo e coa arquitectura, a idea de construción, o traballo, feminismos, miradas poscoloniais, a relectura da historia e a arte como curación.

Cada un destes apartados ou capítulos propicia interseccións con outros, e o percorrido facilita o diálogo entre as obras. Dado que a Colección CGAC se conformou, en gran medida, a partir do programa de exposicións do centro, unha mostra destas características permite visualizar á perfección as liñas mestras do proxecto expositivo e de actividades que lle confiren ao CGAC o seu carácter singular.

MAR VICENTE. Truncado. Foto: Ovidio Aldegunde
TONO CARBAJO. Mesas e cadrado negro. Foto: Mark Ritchie
FRANCISCO LEIRO. Retablo Hannover. Foto: Mark Ritchie 

A partir de 1996, desde as súas primeiras adquisicións e depósitos —por unha banda, unha sección consistente da Colección Xunta de Galicia e, por outra, un relevante conxunto de pezas internacionais da Colección Fundación ARCO—, a Colección CGAC mostrouse ao público principalmente en exposicións temporais temáticas ou de novas adquisicións. Este proxecto, no entanto, pon de relevo a capacidade da Colección CGAC para construír un relato que incorpore novas narrativas e que, á súa vez, poida articularse historicamente equilibrando a arte en Galicia, o contexto español e as referencias internacionais.

Modelo de colección pública de arte contemporánea, a Colección CGAC constitúe unha ferramenta imprescindible para comprender a evolución e os cambios artísticos, sociais e culturais que tiveron lugar en Galicia desde mediados do século XX ata a actualidade.