Subtextos dun patrón de mantemento

Félix Fernández (Viveiro, Lugo, 1977) amósanos en Subtextos dun patrón de mantemento o indesexado. A través de tres intervencións artísticas e unha performance final, o proxecto gañador da convocatoria do IV Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’ trasládalle ao espectador un proxecto dotado dunha gran riqueza conceptual no que reivindica a necesidade de xerar conciencia sobre puntos escuros da sociedade como paso previo para a procura de solucións.

As Torres Hejduk transfórmanse, deste xeito, nun espazo que funciona como espello metafórico da frustrante situación actual: a torre de cristal envolta en fume simboliza a tormenta interior que contrasta coa torre opaca, ocupada por monitores de seguridade –nos que se combinan imaxes en tempo real con outras en diferido creadas para o espectador- como alegoría do poder. Aunando esta dualidade, a figura dun home suspendido no interior do cilindro acristalado chama a nosa atención sobre a inactividade ante a realidade que se nos ofrece. A combinación das tres intervencións fai visible simbolicamente o proceso de toma de conciencia.