Reb/veladas na paisaxe (IV)

A cuarta edición de Reb/veladas na paisaxe, ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás, mantén a súa aposta por levar a arte máis aló das paredes do Museo, poñendo en valor as zonas naturais da Cidade da Cultura. Desde os seus inicios, o ciclo busca tamén dar visibilidade á presenza da muller en todos os eidos da arte contemporánea. Unha arela que se se materializa na escolla das comisarias e artistas que forman parte cada ano do proxecto, e que reflicten a diversidade no campo creativo.

Intervencións:

— Facendo zapping | Artista: Diego Vidal | Comisaria: Mercedes Rozas

 División simple de una roca de granito | Artista: Alberto Odériz | Comisaria: Chus Villar

— O caso de Palmira | Artista: Rebeca Lar | Comisaria: Clara R. Cordeiro

FACENDO ZAPPING

Este proxecto suscítao o problema da incomunicación, tema tratado desde distintos puntos de vista polo filósofo Byung-Chul Han, que ten buscado as posibles causas da alienación que xeran o abuso e mal uso que se fai das novas tecnoloxías. Estamos interconectados a nivel global, o que carrexa unha parte amable na relación e intercambio de información e outra menos benigna que é o illamento que como individuos establecemos coas “nosas máquinas”.

A intervención de Diego Vidal tenta chamar a atención sobre a perda de contacto coa realidade próxima e, máis concretamente, co ámbito natural no que se sitúa, aos pés das Torres Hejduk, en pleno Bosque de Galicia. Tres figuras, preto unhas doutras pero incomunicadas entre si e co resto da contorna interpélannos como un reflexo. +INFO

DIVISIÓN SIMPLE DE UNA ROCA DE GRANITO

Partindo da complexa acción deconstrutiva levada a cabo polo arquitecto Peter Eisenman no Gaiás, e o material orixinal elixido por el para a construción da Cidade da Cultura, o artista Alberto Odériz expón este proxecto percorrendo o camiño inverso até chegar á escala fundacional, a humana.

O obxectivo é introducir ás persoas visitantes na experiencia de atravesar a montaña, transitando a través dunha rocha de granito grazas ao mínimo xesto exercido sobre ela: a súa división na canteira e posterior colocación no camiño entre as Torres Hejduk e o Museo Centro Gaiás, establecendo un diálogo coa propia arquitectura, a contorna natural que a rodea e a cidade de Santiago de Compostela. +INFO

O CASO DE PALMIRA

Falar de bruxas é máis que falar das personaxes crueis e escuras asentadas no imaxinario colectivo. As bruxas non son só as vilás de contos tradicionais: elas foron (e son) as mulleres perseguidas pola Inquisición, as menciñeiras, as marxinadas, as vellas, as fatais, as rebeldes, as alcaiotas literarias, as feas, as temidas, as independentes...

O caso de Palmira é o retrato dunha meiga concreta. É un xogo que convida as persoas visitantes a introducirse no mundo máxico desta e de todas as bruxas, a cuestionar a historia aceptada, a subverter os estereotipos e a rebelarse. +INFO