Reb/veladas na paisaxe (II) | Lalín

As intervencións artísticas na natureza marcan unha tendencia clave na arte contemporánea desde mediados do século XX ata a actualidade: a obra de arte máis aló do marco espacial do museo. Neste eido da relación da arte co territorio, a Cidade da Cultura de Galicia quere darlle maior visibilidade á acción das mulleres creadoras e deulle continuidade cunha segunda edición ao ciclo Reb/veladas na paisaxe, que tras máis de dous meses nos espazos naturais do Gaiás itinera a Lalín.

Este ciclo creado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia naceu o pasado ano (2018) coa pegada de perspectiva de xénero, ampla e rachando co excluínte, como sinal de identidade. Para afianzar esta cerna volveu convidarse en 2019 a tres comisarias galegasMonserrat Pis Marcos, Sara Donoso e Paula Cabaleiro—que escolleran as/os artistas cos que lles apetecía botar andar este ciclo e elixiron a Clara Montoya, Pablo Barreiro e Alicia Framis, respectivamente.

As tres instalacións [que estiveron localizadas no espazos naturais do Gaiás entre o 19 de setembro de 2019 e o 6 de febreiro de 2020 ] teñen en común o seu vencello co Camiño de Santiago , xa que forman parte da programación do Xacobeo 2021. Deste xeito, Constelacións II de Clara Montoya ten unha marcada carga simbólica no seu proxecto vinculado coas estrelas, ligadas estreitamente coa historia de Compostela e as Rutas Xacobeas; o mesmo ocorre con (Re)producións (entre o erro e a verdade) de Pablo Barreiro, quen reproduce no Gaiás algúns dos elementos máis icónicos que se poden atopar no Barroco compostelán; mentres que en Deixa os teus medos aquí, de Alicia Framis, se xoga coa idea de punto de fuga e de deixar atrás da peregrinación.

INTINERANCIA | LALÍN

Do mesmo xeito que as tres intervencións de Reb/veladas na paisaxe establecen unha ruta artística polas zonas naturais da Cidade da Cultura, tamén se pretende que estas obras se exhiban en concellos de Galicia.

Desta forma, a itinerancia é un concepto ligado ao de diálogo e de peregrinación que establecen as tres instalacións: Constelacións II, (Re)producións (entre o erro e a verdade) e Deixa os teus medos aquí. Esta nova etapa, tras a clausura do ciclo en Santiago de Compostela, terá como protagonista a Lalín: os espazos naturais ao redor do Concello de Lalín e do Museo Municipal 'Ramón María Aller Ulloa'