Ourense no tempo | Cidades no tempo

Ourense no tempo é a sexta das mostras que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago, Ferrol, Lugo, A Coruña e Vigo, a proposta continúa o seu percorrido en Ourense co obxectivo de reinvindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.

A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación (Obra Social ABANCA), en cuxas sedes se ubican as exposicións en cada cidade.

A través de preto de 150 pezas de moi diferente tipoloxía, Ourense no Tempo afonda no carácter estratéxico nas comunicacións dunha cidade de interior onde se tece un gran nó de camiños, tanto cara o litoral galego como cara Portugal e Castela.

Con obras de arte, documentos históricos, obxectos cheos de simbolismo — tanto cotiáns como de alta cultura — planos e mapas, recreacións virtuais e arquivos sonoros, fotografías e publicacións, o relato percorre as orixes e a evolución da cidade dende diferentes ámbitos e perspectivas, máis alá da súa coñecida vinculación coa auga (o Miño, as termas). Afonda na organización da vida na urbe e na súa sociedade.

 

A idea condutora da exposición parte desa posición estratéxica que marcará ao longo da historia o crecemento urbano de Ourense — tendendo pontes sobre o río e dándolle pulo aos barrios — pero tamén o desenvolvemento noutros eidos como a creación artística, a cultura, o lecer e a vida social ou a economía. Abórdase a urbe como unha cidade interface, que recibe influencias foráneas pero que tamén exporta as súas propias atendendo a esa realidade que supón o cruce de camiños.

Ademais, de maneira destacada, a mostra celebra o poder creativo das cidades e fai fincapé na grande actividade intelectual que definiu a identidade de Ourense para o conxunto de Galicia. Recréase unha área inspirada nos míticos cafés ourensáns, onde se teceron as redes de artistas, intelectuais e cidadáns que derivaron en importantes expresións do pensamento e da arte galegas (un bo exemplo é a Xeración Nós). Un espazo no que os visitantes poden explorar a malla de relacións e influencias que se deron no interior da cidade a partir dos seus máis destacados persoeiros.

Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinador local, do arqueólogo e escritor José María Eguileta. Asimesmo, colaboran institucións e entidades relevantes para esta cidade.