Nicolás Muller. Vento Norte


Nicolás Muller. Vento Norte
revisa e recupera o traballo realizado no norte de España por un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século. Un relato que desvela a súa ollada, fondamente humanista, sobre as xentes traballadoras e a beleza das paisaxes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, e que se completa cun apartado denominado «Obras Mestras» no que se recollen algúns dos seus traballos máis célebres. 

Nicolás Muller (Oròsháza - Hungría, 1913 - Llanes - Asturias, 2000) foi testemuña privilexiada coa súa cámara dunha das épocas máis convulsas da historia recente europea. O seu devir vital e profesional levárono desde o seu país natal ata Francia, Portugal, Marrocos e España, fuxindo da Segunda Guerra Mundial e na procura da paz e da liberdade.

En total, no Museo Centro Gaiás podemos admirar un total de 131 imaxes, pertencentes ao Museo de Bellas Artes de Asturias, o Fondo Ana Muller e o Archivo Regional de la Comunidad de Madrid.

As 82 fotografías que forman o groso da exposición correspóndense cos traballos realizados por Muller nos anos 60, cando recibe o encargo de realizar fotografías para unha serie de libros ilustrados que amosasen a riqueza da paisaxe e da cultura das diferentes rexións de España. Ademais das tomas de monumentos e edificios sobradamente coñecidos, a encomenda requiría captar escenas da vida cotiá en poboacións e cidades, que son as que o comisario da mostra, José Ferrero Villares, e Ana Muller, filla do fotógrafo, seleccionaron para esta mostra.

Trátase, na súa maioría, de fotografías que ben non foran impresas no seu día ou ben se empregaron nunha pequena proporción nas publicacións, case sempre con encadres recortados que deturpaban a súa entidade e beleza. Nicolás Muller. Vento Norte recupéraas no seu formato orixinal, reivindicando a calidade destes traballos no conxunto da obra fotográfica de Muller.

Galicia na ollada de Muller

O deseño do espazo expositivo establece un percorrido xeográfico que comeza en Galicia e segue polas imaxes tomadas en Cantabria, Asturias, Navarra e o País Vasco. No final da mostra engádense, baixo o título «Obras Mestras», unha selección de 49 das instantáneas máis coñecidas do fotógrafo, realizadas en Hungría, Francia, Portugal, Marrocos e España.

Os traballos relacionados coa pesca nos portos de Vigo, O Grove e A Guarda, así como as escenas cotiás da vida nas rúas de Santiago de Compostela, Betanzos, Combarro ou Ourense protagonizan as imaxes de Nicolas Muller tomadas en Galicia que se poden ver no Museo Centro Gaiás. 

Nenos e mulleres teñen un papel especialmente relevante na fotografía de Muller, algo que se pode comprobar tamén nas imaxes que tomou en Galicia. Nelas móstranse mulleres traballando na descarga do peixe e nas ventas nas lonxas, redeiras reparando aparellos da pesca, lavandeiras e tamén mozas vendedoras nos mercados ao aire libre das vilas galegas.

Unha vida á procura da liberdade

A mostra Nicolás Muller. Vento Norte inclúe unha breve peza documental audiovisual que recolle testemuños do propio Muller, da súa filla Ana e do comisario da mostra, José Ferrero. O vídeo permite coñecer os fitos que marcaron a vida e a obra do fotógrafo de orixe húngara, que marchou do seu país en 1938 percorrendo Europa ata recalar primeiro en Tánxer e logo finalmente en España.

Nacido en Oròsháza (Hungría) en 1913, no seo dunha familia xudía non relixiosa e burguesa, Nicolás Muller estudou Dereito e Ciencias Políticas seguindo a tradición familiar, aínda que desde neno a fotografía foi a súa verdadeira vocación. As súas primeiras colaboracións fotográficas, realizadas durante a súa etapa universitaria, mostran a extrema dureza na que se desenvolve a clase traballadora húngara, especialmente no campo.

As agresións xenófobas que sufriu e presenciou desde novo, así como os perigos que intuíu en Hungría e Austria antes do estalido da Segunda Guerra Mundial, levárono a abandonar o seu país natal e viaxar a Francia, onde desenvolve e enriquece a súa formación como fotógrafo documental. Tras unha breve estancia en Portugal, en 1939 acaba recalando en Tánxer onde pon en marcha o seu propio estudo fotográfico.

En 1948 chega a España da man do asturiano Fernando Vela, co que colabora en varias publicacións españolas como o diario España de Tánxer ou o Instituto de Estudios Políticos. Establece o seu estudo fotográfico en Madrid e desenvolve unha intensa actividade cultural participando en faladoiros cos intelectuais e artistas do momento e retratando á maior parte deles. Así mesmo, realiza numerosos encargos que lle levarán por toda a xeografía do país. En 1961 obtén a nacionalidade española.

Fernando Vela convídao a coñecer Asturias e Nicolás Muller fica namorado da rexión, sobre todo da paisaxe do oriente asturiano. En Andrín (Llanes) constrúe unha casa que pasará a ser o seu lugar predilecto de descanso e refuxio na súa xubilación ata o seu falecemento en xaneiro do ano 2000.