Mulleres sobranceiras. A Memoria conservada: Un mar de mulleres

Mulleres sobranceiras é unha serie de mostras documentais que o Arquivo de Galicia organiza para celebrar o Día Internacional da Muller, o día 8 de marzo de cada ano.

Nesta ocasión pon o foco no papel desenvolvido tradicionalmente polas mulleres nas tarefas relacionadas coa explotación dos recursos mariños, e de forma especial, o seu papel protagonista na industria conserveira, un sector sobresaínte da economía galega.

Con isto preténdese unha dobre función: darlle visibilidade o papel das mulleres e concienciar sobre os cambios necesarios para conseguir unha sociedade verdadeiramente integradora e igualitaria. Do mesmo xeito,  preténdese salientar o papel dos arquivos como institucións garantes dos dereitos e obrigas das sociedades nos que se insiren, á vez que concienciar sobre a necesidades de dotalos de recursos suficientes para o cumprimento das funcións que teñen encomendadas.

Para iso, seleccionáronse documentos provenientes de varios fondos documentais custodiados no propio Arquivo de Galicia. En total, foron seleccionadas 54 pezas entre documentos textuais, fotografías, planos e obxectos, que se distribúen en seis vitrinas. A maior parte deles son documentos producidos pola factoría que a conserveira Massó S.A. tiña na localidade de Avilés.

No entanto, a mostra incorpora tamén outros documentos de procedencia pública, como os das consellerías de Presidencia e Mar, e de procedencia privada como os da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, a empresa Casa Mar de Vigo ou o fondo fotográfico de FOAT (Fotografía Aérea Terrestre S.A.).