Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura

A exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos: unha institución de alta cultura está concibida como celebración do centenario da fundación desta institución, determinante na construción da identidade galega e grande impulsora da modernización cultural e científica de Galicia. Mais quere ser tamén unha posta en valor dunha obra colectiva, que impulsou a proxección exterior da nosa cultura, conectando con institucións análogas de España, Portugal, Bretaña, Irlanda, Reino Unido, Alemaña ou diversos países do continente americano.

A mostra amosa fotografías, publicacións, manuscritos, bosquexos debuxos... así como unha escolma de pezas singulares que nos permiten trazar a historia do Seminario desde a súa mesma acta fundacional, obra coa que, precisamente, arrinca este percorrido expositivo.

Luz na Terra está comisariada por quen é hoxe un dos grandes historiadores de Galicia: Ramón Villares, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi decano e reitor. Foi membro fundador e presidente da Asociación española de Historia Contemporánea, é Membro Numerario da Real Academia Galega foi presidente do Consello da Cultura Galega.

Unha institución de alta cultura

O centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) conmemora unha institución que o fundador das Irmandades da Fala, Antón Villar Ponte, cualificou de “alta cultura”. O SEG foi fundado en 1923, a iniciativa dun grupo de estudantes universitarios en Compostela —entre os que se contaban nomes como Fermín Bouza Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Lois Tobío ou Ramón Martínez López— animados por profesores como Armando Cotarelo ou Cabeza de León, que serían o primeiro e segundo dos presidentes cos que contou a institución.

Así, no 12 de outubro de 1923, nove mozos universitarios camiñaron á Casa Grande de Ortoño, onde Rosalía de Castro pasou a súa infancia, na que sería a excursión fundacional do Seminario. Esta iniciativa xuvenil, amparada pola universidade, remataría por converterse nunha das grandes protagonistas do galeguismo e da propia historia de Galicia. Precisamente, o Seminario chegaría a integrar entre os seus membros aos propios “pais” da xeración Nós, como Risco, López-Cuevillas e Otero Pedrayo.

Os principios do Seminario

— A dimensión universal da cultura galega

— O compromiso co galego como idioma para a alta cultura

— A aposta polo saber científico como vía de progreso

— O afán de explorar, investigar e divulgar a cultura galega

— A necesidade de ter unha voz propia no mundo

— O carácter aberto e integrador de Galicia

.

O legado do Seminario

Chegou a contar con máis de douscentos membros propostos e admitidos e unha ampla rede de socios protectores. Fomentaron a integración de disciplinas, traballaron en equipo, fixeron do uso da lingua galega un estandarte e contribuíron a construír o proxecto autonomista da II República.

O seu traballo foi recoñecido de modo unánime, pero a Guerra Civil levou por diante a institución e algunhas iniciativas senlleiras. O seu patrimonio e os seus proxectos inacabados tiveron continuidade no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento e, posteriormente, no Museo do Pobo Galego ou no renacido Seminario de Estudos Galegos impulsado por Isaac Díaz-Pardo e o grupo Sargadelos.

Un proxecto de país

Con Luz na Terra, a Xunta contribúe a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por fundacións e entidades galegas que traballan na preservación do noso patrimonio histórico e cultural e que ceden obra para esta mostra:

  • APOI (Arquivo do Patrimonio Oral
    da Identidade). Museo do Pobo Galego
  • Biblioteca de Galicia
  • Biblioteca Deputación de Ourense
  • Consello da Cultura Galega
  • Fundación Otero Pedrayo
  • Fundación Penzol
  • Fundación Rosalía de Castro
  • Fundación Vicente Risco
  • Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
  • Museo Arqueolóxico e Provincial de Ourense
  • Museo de Pontevedra
  • Museo do Pobo Galego
  • Parlamento de Galicia
  • Real Academia Galega
  • Sociedade Martins Sarmento
  • Universidade de Santiago de Compostela

 .

Comisariado: Ramón Villares

Ramón Villares (1951) é catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi Decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e Reitor Magnifico (1990-1994). Membro fundador e Presidente (1996-2002), da Asociación española de Historia Contemporánea, é Membro Numerario da Real Academia Galega (2006) e foi Presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018). Doutor honoris causa polas Universidades de Buenos Aires (Arxentina), Minho (Portugal) e Rennes-2 (Francia), tamén recibiu os Premios da Critica de Galicia (1983 e 1985), o Premio Fernández Latorre (2005), o Premio Puro Cora (2017) e o Premio da Cultura Galega-Proxección Exterior (2018).

— Documentalista: Alfonso Mato
— Documentalista (artístico e visual): Miguel Anxo Seixas 
— Apoio técnico: Gustavo Hervella