Lugo no tempo | Cidades no tempo

Lugo no tempo é a terceira das mostras que se poñen en marcha no marco do proxecto Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Santiago e Ferrol foron as primeiras protagonistas dunha proposta que continúa o seu percorrido co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.

A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación (Obra Social ABANCA), en cuxas sedes se localizan as exposicións.

 Lugo no tempo explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade que representa un dos mellores casos de convivencia e integración de culturas e costumes: o campo e a cidade, a influencia galaica e a romana. Dende distintas perspectivas como son  a economía, a creación artística, a estética urbanística, o entretemento e a memoria, a mostra afonda nunha urbe que foi medrando sempre marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e sen perder nunca a escala humana da relación entre a súa veciñanza.

 A mostra fai un percorrido por unha urbe que soubo conservar a esencia dos seus valores antigos e adaptalos á modernidade. A evolución do burgo medieval, os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX aparecen reflectidos a través dunha escolma documental e de obxectos históricos que nos trasladan a momentos e espazos decisivos da cidade. Atopamos referencias ao seu papel como capital agrogandeira, ás súas celebracións emblemáticas, como o San Froilán e o Arde Lucus, dende unha perspectiva antropolóxica, ou á súa relevancia na identidade histórica de Galicia.

Para facer esta incursión en Lugo, a proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, obxectos de alta cultura e cotiáns cunha gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións.

Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta exposición  conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora Marica Campo.