Flywaterbags

Ana Soler propón en Flywaterbags ollar a través da auga para descubrir outra realidade. Reivindicar outras visións, outros mundos da auga, ollando a través dese fluído aparentemente transparente pero que, embolsada, se volve lente deformadora.

Aproveitando o carácter bipolar das Torres Hejduk, Flywaterbags ofrece unha visión dicotómica do uso da auga a través de dúas instalacións contrapostas nas que o fluído se converte en lente clarificadora e deformadora ao mesmo tempo.

A primeira instalación sitúase na torre transparente en forma de gran pinga tridimensional formada por pequenas bolsas de auga que nos serven de lente. A lupa deforma, amplía e reforma a realidade para amosarnos outra: a dimensión aparente de todo, convidando ao espectador a ollar tras o evidente e perderse nun mundo novo visto desde o fluído.

Fronte a esta pinga xeometricamente ideal e case perfecta; a torre opaca reproduce unha inmensa explosión acuática na que as pequenas bolsas de auga se replican de forma caótica a partir de pequenas pantallas con imaxes sobre o mal uso da auga, contaminación, deslbadimento… A lupa deforma, nesta ocasión, esas imaxes que sitúan ao espectador dentro da propia identidade da auga e que lle obrigan a repensar a súa situación.