Cándido Fernández Mazas: Signos dunha quimera

Este 2020 o Día da Ilustración (30 de xaneiro) está dedicado a Cándido Fernández Mazas. Un dos nosos pioneiros galegos da ilustración e pode ser que un dos máis descoñecidos.

Cándido Fernández Mazas nace en 1902 na cidade de Ourense. Afeccionado desde rapaz ao debuxo e á pintura, comeza a súa andaina artística colaborando en publicacións como Nós ou Alfar. En 1925 obtén unha bolsa  para estudar arte en París, cidade á que regresa en 1927.

A inquedanza intelectual e artística de Fernández Mazas vaise mostrar nunha ampla serie de actividades e producións. En numerosas publicacións deixou mostra de que foi un excelente debuxante, de liña clara e expresiva, buscando na simplicidade do trazo acadar o máximo de expresividade.

Ademais da súa produción pictórica e incluso de esporádico cartelista, Fernández Mazas tamén nos deixou mostra da súa faciana de escritor, sobre todo de teatro (Santa Margorí, Los cuernos disparatados, La leyenda de Don Juan), e mesmo apuntou ao modo poético con escasos, aínda que fermosos, poemas que asina como 'Denys Fernández', un máis dos seus abundantes pseudónimos. Todo isto é mostra da súa efervescencia creativa e da complexidade e diversidade dun alma atormentada en busca de si mesmo.

O seu compromiso co pensamento político de esquerdas tamén está moi presente na súa obra. A volta da súa primeira viaxe a París dedícase cada vez máis á política, e é nese contexto no que comeza a súa colaboración no diario ourensán La Zarpa. De feito, é nesta publicación onde aparece a parte máis ampla e numerosa da súa obra gravada. Entre 1925 e 1926 publica preto dun cento de traballos, na súa maioría con textos de contido político ou social, nos que emprega a técnica do linóleo e que se caracterizan pola súa limpeza de liñas.

A vida e a obra de Fernández Mazas defínese polo seu particular carácter, sempre na procura da pureza e dunha inalcanzable perfección. A súa saúde mental, xa delicada desde a volta do seu segundo viaxe a París, quedaría seriamente afectada pola Guerra Civil. Durante a contenda foi encarcerado en Valencia e liberado meses máis tarde grazas á mediación de amigos e familia, que lle libran dunha morte inmediata. Esta non tarda en chegar, por derrame cerebral, en novembro de 1942.