30 anos imaxinando futuros

A través de 30 anos imaxinando futuros achegámonos ás ilusións, devezos e olladas das persoas con trastorno do espectro autista (TEA), que a través da expresión artística nos amosan o seu modo de ver o mundo e de imaxinar o seu propio futuro.

Máis de 35 obras entre cadros, debuxos e pezas de cerámica feitas por persoas con TEA conforman esta mostra coa que a asociación Autismo BATA procura facer visible e normalizar o trastorno do espectro autista na sociedade.

A mostra, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e se inaugura o 2 de abril coincidindo coa celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, enmárcase nas actividades da asociación con motivo do seu 30 aniversario.

Así, Autismo BATA deseñou unha programación especial que se desenvolverá ao longo de todo o ano e que abrangue ámbitos como a cultura, o social ou o deportivo. A entidade celebra deste xeito os seus 30 anos acompañando a persoas con TEA e as súas familias nun camiño cheo de aprendizaxes, loita e superación.