Reb/veladas en el paisaje promueve la visibilidad de creadoras contemporáneas

Santiago de Compostela, 03 de Mayo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a terceira edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe co que a Xunta de Galicia consolida o seu compromiso de darlle maior visibilidade á presenza da muller na arte e contemporánea. Deste xeito, este ciclo de intervencións artísticas no espazos naturais do Gaiás mantén a súa aposta pola perspectiva de xénero no ámbito creativo e volve contar cunha presenza maioritaria feminina, tanto nas comisarias –María Marco, Elena Bangueses e Violeta Janeiro– como nas artistas: Amaya González Reyes, María Xosé Díaz e Alexandra R. Rey, quen traballa xunto a Thomas Apostolou.

Precisamente, no acto inaugural, o representante da Xunta de Galicia remarcou a importancia deste tipo de ciclos para pór en valor non só as creacións artísticas na paisaxe feitas por mulleres, senón tamén as que se fan en Galicia, “como dan bo testemuño estas tres intervencións, nas que cinco das seis protagonistas son de orixe galego”, salientou.

Neste senso, enfatizou que con este ciclo se amosa a aposta da Consellería de Cultura pola promoción da creación artística en Galicia, ofrecendo “oportunidades e espazos” para que os creadores e creadoras desenvolvan o seu traballo. “Queremos que a Cidade da Cultura non sexa só un lugar de exhibición, senón tamén un espazo para a creación”, afirmou.

Lugar de creación e exhibición

De feito, o conselleiro aproveitou a inauguración para lembrar que este ano se puxo en marcha o programa REGA, Residencias artísticas no Gaiás, onde se agrupan diversas liñas de traballo nas artes plásticas, nas escénicas e na literatura e gabou que todas elas ofrecen oportunidades para crear co obxecto de “contribuír ao que é un dos seus obxectivos como institución: dinamizar o sector cultural”.

Acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e das tres comisarias e as catro artistas, o titular de Cultura da Xunta tamén fixo fincapé no reforzo do vencello entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago que supón Reb/veladas na paisaxe.

Ao respecto, lembrou que a Vía da Prata, que entra a Santiago polo barrio compostelán de Sar, transcorre paralela á faldra oeste do Monte Gaiás, xusto a zona onde se sitúan as instalacións: no Xardín literario e no Bosque de Galicia, cuxa nova e terceira fase acollerá unha das tres intervencións.

Valado publicitario na terceira fase do Bosque do Camiño

En concreto, Ousadía, a liña da vida é a intervención que inaugura como espazo artístico esta nova zona verde no Bosque de Galicia, que se sitúa máis próxima á Vía da Prata. A instalación de Amaya González Reyes, comisariada por María Marco (Vigo, 1979) inspírase nos tratados quirománticos escritos á luz do Camiño de Santiago no século XII que interpretaban o futuro nos debuxos das liñas da man. A artista, nun xiro radical de escala, montou nun valado publicitario unha fotografía das súas propias liñas que procura contrastar a realidade de que o camiño está escrito coa que cre na liberdade e na elección consciente do destino.

O camiño que recupera a memoria sentimental

Tamén no Bosque de Galicia, pero máis próximo cara ás Brañas de Sar, localízase Cantas maneiras hai de poñer o corpo a pensar? E cantos paxaros haberá, comisariada por Violeta Janeiro Alfageme (Vigo, 1982). Nela, a artista María Xosé Díaz (Catoira, 1949) –membro desa importante xeración de mulleres artistas entre as que se atopa a recentemente falecida Elena Colmeiro, Bea Rey o Soledad Penalta– instala nove figuras poliédricas que non superan o medio medro de altura, nas que recrea o mundo que coñeceu na súa infancia neste lugar.

A artista sempre volvía ás Brañas de Sar en período de vacacións, tras longos espazos interna nun colexio en Zaragoza. Este lugar e o seu contexto marcaron as formas de ser e facer da artista que agora é, que atopa no corpo en movemento, unha forma de recuperar unha memoria sentimental; e no contacto coa natureza, o alivio dunha sociedade que considera obstinada co rendemento.

A instalación conta cunha publicación complementaria que reúne diferente voces que proxectan e articulan desde outras perspectivas este traballo da artista. Entre elas, está a poeta Luz Pichel (Alén, 1947), autora dos versos dos que se extrae o título da intervención artística.

As pegadas do camiño feitas esculturas de cobre

No Xardín literario sitúanse as figuras de cobre, resultado dun percorrido dos diferentes tramos das cinco Rutas Xacobeas que realizaron xuntos Alexandra R. Rey (Pontevedra, 1993) e Thomas Apostolou (Atenas, 1985).

Os dous artistas/peregrinos rexistraron sobre o cobre puntos de contacto coa contorna. Colocaron o material entre eles mesmos e os lugares que tocaron, por onde camiñaron, onde sentaron ou se apoiaron. O resultado desta intervención, comisariada por Elena Bangueses (Bueu, 1984), son estas esculturas, a modo de testemuños físicos da súa experiencia, espallados polas zonas verdes do Xardín Literario.

Reb/veladas que forman parte da contorna do Gaiás

Aínda que todas as intervencións deste ciclo son temporais, algúns dos traballos que se presentaron en edicións anteriores están na actualidade integradas nos espazos naturais da Cidade da Cultura. Estas excepcións son a caixa de correos en forma de pirámide, Deixa aquí os teus medos, de Alicia Framis e Constelacións II de Clara Montoya, coloquialmente alcumada como o Banco do Peregrino, que se converteu nun novo miradoiro que ofrece unha vista diferente, por menos coñecida, de Compostela.