'Reb/veladas en el paisaje', en Lalín

Santiago de Compostela, 31 de Enero de 2020

A Xunta de Galicia exhibirá en Lalín (Pontevedra), do 8 de febreiro ao 22 e marzo, as pezas artísticas de Reb/veladas na paisaxe, ciclo organizado pola Fundación Cidade da Cultura e que forma parte da programación do Xacobeo 2021, xa que as tres intervención están vencelladas conceptualmente co Camiño de Santiago. A itinerancia destas obras será posible grazas a unha colaboración co Museo Municipal de Lalín Ramón María Aller Ulloa.

As zonas exteriores e naturais que rodean os edificios, próximos entre si, do Concello de Lalín e do Museo Municipal acollerán as instalacións de Alicia Framis (Barcelona, 1967), de Pablo Barreiro (Meaño-Pontevedra, 1982) e de Clara Montoya (Madrid, 1974). A desta última, un banco para escoitar a música das estrelas, dividirase en dúas pezas, para que unha parte estea na galería que dá a un patio interior do museo municipal, que leva o nome precisamente do famoso astrónomo galego.

Este ciclo ten como sinal de identidade a visibilidade da muller na arte contemporánea, ao apostar por mulleres comisarias e galegas -Paula Cabaleiro, Monserrat Pis Marcos e Sara Donoso-. Na actualidade, as tres instalacións artísticas están desde o pasado 19 de setembro de 2019 e ata o 6 de febreiro nos espazos naturais do Gaiás: Xardín Literario e Bosque de Galicia e todas teñen un vínculo coa peregrinación e as rutas xacobeas.

Caixa de correos, banco das estrelas e barroco compostelán

En concreto, Alicia Framis xoga en Deixa aquí os teus medos coa lectura da peregrinación como punto de fuga e de deixar atrás. E faino cunha caixa de correos en forma de pirámide onde se poden depositar os temores en forma de carta ou postal.

Clara Montoya ponlle música a bóveda celeste en Constelacións II. Deste xeito, elaborou un banco con altofalantes, que en Lalín estará dividido en dúas partes: unha, no exterior do Concello de Lalín e outra, na galería do Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa. Ao sentarse nelas, e tendo e conta a rotación da terra en tempo e orientacións reais, o visitante escoitará un coro interpretar a música designada á estrela que ten enriba. Precisamente, estes astros están ligados estreitamente coa historia das Rutas Xacobeas.

Precisamente, Ramón María Aller Ulloa foi o introdutor do estudo das estrelas dobres en España e obra de Clara Montoya estará situada cara ao que foi o primeiro observatorio de Galicia.

Mentres, en (Re)producións (entre o erro e a verdade), Pablo Barreiro  recrea algúns dos elementos máis icónicos que se poden atopar no Barroco compostelán para posteriormente situalos, descontextualizados, neste caso, nos exteriores do Concello de Lalín. Motivos das fachadas da Casa do Cabido e do convento de Santa Clara e diferentes ornamentos de San Martiño Pinario e da catedral son imitados a escala 1/1.

Con esta itinerancia a Lalín, a Xunta amplía e expande a súa aposta por potenciar o valor artísticos dos espazos naturais, e que na Cidade da Cultura comezou en 2018 cando botou a andar este ciclo Rebveladas na paisaxe con Chus Martínez Domínguez, Ánxela Caramés e Antía Cea García. Naquela ocasión, estas tres comisarias galegas escolleron as e o artista Beatriz Lobo, Paul E. Guy e María Kulikovska, respectivamente.

Na páxina web da Cidade da Cultura -www.cidadedacultura.gal- pode atoparse máis información polo miúdo destas tres instalacións de Reb/veladas na paisaxe.