XIV Encontro de Artistas Novos: #EAN14

O Gaiás convértese por décimo cuarto ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores e creadoras emerxentes teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais. Chega o XIV Encontro de Artistas Novos, #EAN14, que se celebra do 25 ao 29 de agosto de 2024, coordinado unha edición máis por Rafael Doctor.

O Encontro de Artistas Novos busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes de Galicia e procedentes doutros lugares e tamén permitirlles entrar en contacto con creadores e creadoras de recoñecida traxectoria e con axentes do sector de eidos como a crítica e o comisariado, que participan no encontro como art followers. Como cada ano, o EAN trae ao Gaiás a destacados nomes do panorama actual da arte contemporánea, como Chechu Álava, Javi Calleja, Elena Fernández Prada e David Catá, que compartirán cos artistas emerxentes participantes as súas experiencias e reflexións ao redor do mundo da arte e o proceso de creación.

Escaparate da creación emerxente

O EAN14 selecciona 40 artistas emerxentes que durante o encontro realizan unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo así de plataforma e escaparate das súas creacións. Teñen tamén a oportunidade de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convertidas en espazo expositivo non convencional.

As persoas interesadas en participar deben enviar a documentación requirida ao enderezo electrónico que figura nas bases de participación antes das 14:00 horas do venres 24 de maio de 2024. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento, debe tamén remitirse ao mesmo enderezo electrónico. Non esquezas consultar atentamente as bases!

Artistas

Chechu Álava | Piedrasblancas, 1973

Retratos oníricos que nacen da súa paixón pola Historia da Arte á vez que desafían a narrativa patriarcal. A pintura de Chechu Álava a miúdo resucita a obra de mulleres artistas e poetas —Suzanne Valadon, Anna Akhmatova, Lee Miller...— ou reinterpreta as representacións femininas do equívoco da mirada masculina, tomándoas prestadas de antigas obras de Botticelli, Balthus ou Cranach. En 2020 o Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid presentou a súa exposición individual Rebeldes. A súa obra está presente en museos e coleccións privadas de México, Francia, Italia, Colombia, Alemaña, Portugal, EEUU, Corea do Sur, Sudáfrica ou España.

Javier Calleja | Málaga, 1971

Cun traballo centrado no debuxo, a instalación, a escultura e a pintura, a miúdo xogando coa escala e a perspectiva, debutou con grande éxito en 2017 na prestixiosa galería AishoNanzuka de Hong Kong. As súas personaxes de ollos xigantes —a miúdo imaxinados como representacións visuais dos propios sentimentos e experiencias do artista— evolucionaron a esculturas e obxectos e convertéronse no seu sinal inconfundible. Un incontestable éxito internacional levouno a consolidarse como un dos creadores máis demandados do momento: en 2021, a filial de Christie’s en Hong Kong vendeu a súa obra Waiting For a While por 1,14M$.

David Catá | Viveiro, 1988

Fotografía, pintura, performance, videocreación e música son os piares nos que se asenta o traballo plástico de David Catá. O seu proceso creativo establece un diálogo entre a memoria persoal e o acto artístico, a través do poder de evocación dos obxectos persoais e as fotografías achégase ao efémero da vida, á pegada física e inmaterial ou á dor emocional. Participou en 2011 na primeira edición do EAN e a súa obra foi exhibida en Camboxa, México, Perú, Chile, Brasil, Alemaña, Estados Unidos, Portugal, ou España. En 2023 foi seleccionado como artista español para o Silk Road Artists, Rendezvous - China Tour for European Artists.

Elena Fernández Prada | León, 1971

Malia que a fotografía e o vídeo marcan o principio da súa traxectoria, desde 2005 dedica o seu traballo creativo á pintura e ao debuxo. Ten participado en numerosas exposicións tanto en España como no ámbito internacional, destacando as colectivas Lo real maravilloso, no MUSAC de León (2013) e no Museo de Arte Contemporánea de Tokio (2013-14); ou o proxecto HISPAM no Instituto Cervantes de Roma  (2017); e as individuais Viaje a Surinam, La New Gallery, Madrid (2012); La caza, Fundación Laxeiro, Vigo, (2015); ou Improvisación, SVT, Vigo (2020). É profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

 A comisaria e xestora cultural Sara Donoso; o artista e comisario Eduardo Díaz Valiña; o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola; o tamén xornalista e xestor cultural Martín Moniche e o docente e comunicador Rubén Alves, participan tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o eido curatorial ou da divulgación.