REGA 24 | Residencias artísticas do Gaiás

As Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) encadran unha serie de actuacións estratéxicas que teñen como finalidade apoiar o talento e dar visibilidade á creación artística e cultural contemporánea, tanto galega como internacional.

En 2024, REGA prestará apoio a unha vintena de novos proxectos artísticos e culturais que tirarán proveito dos espazos, recursos técnicos e relacionais da Cidade da Cultura para dar os seus primeiros pasos.

O programa aposta por converter a Cidade da Cultura nun verdadeiro viveiro de iniciativas culturais que ofrece os seus recursos e espazos para apoiar a creación mediante procesos participativos e inclusivos co sector cultural e creativo, en liña cos obxectivos do II Plan Estratéxico 2021-2027 do Gaiás.

Logo de tres edicións —2021, 2022 e 2023—, o programa REGA apoiou o desenvolvemento de 67 proxectos vinculados a disciplinas artísticas diversas —música, artes escénicas e performartivas, creación dixital e videoxogos, artes visuais multimedia, literatura, danza e deseño— e moitos deles de carácter multidisciplinar. Nestes tres anos, máis de 150 artistas de Galicia, España e tamén internacionais tiraron proveito dos espazos de residencia da Cidade da Cultura para desenvolver as súas creacións.

RESIDENCIA LITERARIA 2024

Residencia Literaria Cidade da Cultura 2024 A Residencia literaria da Cidade da Cultura ofrece 10 prazas para autoras e autores noveis que busquen perfeccionar os seus proxectos de narrativa durante unha estadía intensiva no Gaiás, co acompañamento de Javier Peña, director da residencia, e de Irene Solà e Brais Lamelaescritores convidados nesta cuarta edición. O intercambio de saberes e experiencias, a análise e posta en común do traballo e o diálogo con outras disciplinas artísticas fundamentan a Residencia literaria da Cidade da Cultura. O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de marzo de 2024 e a Residencia literaria desenvólvese do 1 ao 13 de xullo.

 

CLÁSICAS DESFEITAS VOL. 9, 10 E 11

Clásicas desfeitas 24 Clásicas desfeitas, ciclo coproducido polo Centro Dramático Galego da AGADIC e a Cidade da Cultura, permite redescubrir clásicos literarios a través doutras disciplinas artísticas. En 2024, o grupo de innovación educativa ComTecArt da UVigo intégrase como artífice do volume 9 do ciclo Hamlet, o de Cunqueiro, en colaboración coa compañía brasileira Boccaccione e a galega Marinita y sus Maromas, nunha proposta multidisciplinar que mestura teatro e mecánicas dos videoxogos. Os volumes 10 e 11 forman o díptico Míticas pero secundarias, no que Antón Reixa e Antela Cid indagan nos mitos gregos ao redor de Polícrates, Ismene, Crisótemis e Políxena. 

 

AXUDAS REGA 2024

Axudas REGA 24

A 3ª convocatoria de axudas á creación do programa de Residencias Artísticas do Gaiás procura de proxectos artísticos e culturais vencellados ás artes visuais, escénicas, á música e ao deseño. As axudas REGA están dotadas con 8.000 euros cada unha, así como cos recursos técnicos e espazos necesarios para que as e os artistas poidan materializar as súas propostas nunha estadía de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura, a realizar entre os meses de setembro e novembro. Ademais, contarán cunha persoa mentora especialista que acompañará cada iniciativa. A convocatoria ten previsto o seu lanzamento esta primavera.

 

RESIS EN RESIDENCIA — «ODA LUDITA»

ODA LUDITA

RESIS en Residencia realízase en colaboración coa asociación cultural AÏS e o RESIS, festival internacional de música contemporánea e artes vivas da Coruña. A través desta colaboración, a Cidade da Cultura acolle e apoia o desenvolvemento de SEREAS/ODA LUDITA, proxecto de composición e instalación sonora do artista Xoán Xil López que xorde dos acontecementos sociais que tiveron lugar na Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857: un levantamento cun compoñente ludita provocado pola introdución de maquinaria que supoñía a redución dos postos de traballo.

 

RESIDENCIAS PARAÍSO 2024

Residencias Paraíso 24

A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego ofrecen unha residencia combinada dentro da oitava convocatoria das Residencias Paraíso, programa anual impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para apoiar o desenvolvemento de proxectos relacionados coa danza e as artes vivas. Os proxectos «Do outro lado», dos creadores galegos Fran Rodríguez e Brais Pombo, e «No necesito un nombre para ser mascota» da bailarina aragonesa Ana Cotoré son as Artistas Paraíso seleccionadas nesta convocatoria que realizarán a súa residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro nos meses de xullo e agosto.

 

RESIDENCIA DE INVESTIGACIÓN E CREACIÓN ARTÍSTICA INCIPIT-CSIC

REGA INCIPIT-CSIC

A artista sonora Matilde Meireles desenvolverá unha residencia dentro do programa de Residencias Incipit-CSIC de investigación e creación artística, promovido polo Instituto de Ciencias do Patrimonio en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia por segundo ano consecutivo. Meireles realizará diversas gravacións de campo nos lugares de celebración, tanto en uso como abandonados, das festas parroquiais galegas. Estes materiais, xunto coa recollida de testemuños e memorias asociadas á festa, servirán de base para unha instalación que se presentará en 2025 como parte dos resultados do proxecto de investigación Palcos, desenvolvido polo Incipit-CSIC co apoio da Axencia Galega de Innovación.

 

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Convocatoria aberta
Prazo do 23 Abr ao 22 Mai 2024
1 - 13 Xul 2024
Convocatoria pechada