IV Residencia Literaria da Cidade da Cultura | REGA 2024

Tes un proxecto de narrativa inédito e queres darlle un pulo? Ata o 19 de marzo está aberto o prazo de inscrición á IV Residencia literaria da Cidade da Cultura, un espazo de aprendizaxes para escritoras e escritores emerxentes que queiran perfeccionar as súas novelas ou relatos a través da posta en común de experiencias e coñecementos, e co acompañamento de autoras e autores de primeiro nivel nas letras galegas e españolas.

A Residencia literaria da Cidade da Cultura facilita ás autoras e autores noveis a disección do proxecto literario propio, ao tempo que lles invita a aprender da análise dos traballos das compañeiras e compañeiros. E moito máis ca iso: tamén da análise de lecturas relacionadas coa súa escrita, de charlas e intercambios con outras disciplinas artísticas e con escritoras e escritores que están a triunfar hoxe en día. Non menos importante, a Residencia literaria axudará ao crecemento persoal compartindo tempo e espazo con persoas moi diferentes cunha paixón en común: a literatura.

Dirixida polo escritor e profesor de escritura creativa, Javier Peña, participarán como convidados nesta cuarta edición da Residencia os escritores Brais Lamela —gañador do Premio «El Ojo Crítico» de RNE 2023 e antigo residente na edición de 2022— e Irene Solà, unha das novas voces máis sobresaíntes da literatura en lingua catalá e castelá.

Proxectos de narrativa

Ofértanse un total de 10 prazas, con preferencia para aquelas persoas nadas no ano 1988 e posteriores. Para participar é necesario enviar debidamente cuberto o boletín de inscrición que figura no apartado de descargas, acompañado da documentación requirida pola convocatoria:

  • Copia do DNI ou certificado de empadroamento
  • Breve CV con atención especial a aquelas experiencias relacionadas coa escritura
  • Un informe completo (máximo de 1.200 palabras) acerca do proxecto a desenvolver na Residencia
  • Unha mostra de escritura (mínimo de 1.000 palabras, máximo de 2.000)

Poderán presentarse proxectos de narrativa en galego ou castelán (novelas de ficción, novelas de non ficción —autoficción— e coleccións de relatos, orixinais e inéditos, con independencia do seu estado de desenvolvemento: completo, (obra rematada inédita), intermedio (obra iniciada mais non completada) ou inicial (desenvolveuse a sinopse e o traballo previo, mais non se comezou a escrita).

A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 19 de marzo de 2024. A residencia desenvolverase entre os días 1 e 13 de xullo de 2024 na Cidade da Cultura.

  • Bases completas da convocatoria [GAL] [ES]
  • Boletín de inscrición [GAL] [ES]
  • Para calquera dúbida, pódese contactar co enderezo electrónico residencialiteraria.cdc @xunta.gal

 

Autores participantes na Residencia Literaria 2024

IRENE SOLÀ

Irene Solà (Malla, 1990) é autora de Canto jo i la muntanya balla (Premio Libros Anagrama de Novela), traducida ao castelán (Canto yo y la montaña baila. Anagrama, 2019), o inglés, o francés, o alemán e o italiano, entre máis dunha vintena de linguas, e foi galardoada co European Union Prize for Literature e os premios Maria Àngels Anglada, Punt de Llibre de Núvol e Cálamo Otra Mirada. O seu libro de poemas Bèstia (Premio de Poesía Amadeu Oller; Galerada, 2012) foi publicado en edición bilingüe castelán-catalán por La Bella Varsovia e tamén traducido ao inglés e ao italiano. A súa primeira novela, Els dics (L'Altra Editorial, 2018), publicada en castelán en Anagrama co título Los diques, gañou o Premio Documenta 2017. A súa última novela Et vaig donar ulls i vas mirar les tenebres (Deiche ollos e miraches as tebras) foi publicada en catalán e castelán por Anagrama e en galego por Kalandraka.

Foto: Ignasi Roviró

Irene Solà

BRAIS LAMELA

Brais Lamela (Vilalba, Lugo, 1994) é escritor en lingua galega e investigador. Actualmente vive en Nova York, onde realiza un doutoramento en Literatura na Universidade de Yale. Con dezasete anos, recibiu unha bolsa para cursar o Bacharelato Internacional en Italia e desde entón reside no estranxeiro. A súa primeira novela, Ninguén queda (Editorial Euseino?, 2022), recibiu o Premio da Crítica de Narrativa Galega 2022, o Premio «El Ojo Crítico» de RNE de Narrativa en 2023 e foi nomeado aos premios Nollegiù e Cálamo ao libro do ano en 2023. Ninguén queda foi traducido ao castelán (Cuatro Lunas, 2023, trad. de María Alonso Seisdedos) e ao catalán (Kalandraka, 2023, trad. de Eduard Velasco).

Brais Lamela

JAVIER PEÑA

Escritor, xornalista, divulgador literario e profesor de escritura creativa, deuse a coñecer coa súa novela de debut, Infelices (Blackie Books, 2019), que foi elixida entre as mellores do ano por críticos de medios de comunicación como a Cadena SER, RNE, La Voz de Galicia ou Zenda. A Infelices seguiulle unha segunda novela, Agnes (Blackie Books, 2021), que tamén se coou entre as mellores obras de narrativa do seu ano para medios como Esquire ou Forbes. Creador e coordinador das dúas edicións do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se celebraron en 2019 e 2020, deseñou tamén os talleres de Casa Blackie, que imparte en liña e xa celebraron dez edicións. No ano 2022 puxo en marcha o podcast Grandes Infelices, que no seu primeiro ano sumou máis de cen mil descargas e se converteu nun podcast literario de referencia en España e América Latina. Antes de dedicarse plenamente á narrativa, foi xornalista deportivo no Diario AS, asesor político na Xunta de Galicia e co-dirixiu a web cultural galega Inorantes (2018-2019). É o director da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dende a súa primeira edición en 2021.

Javier Peña