Galiverso de Nadal | Nadal no Gaiás 2023-2024

Regresa ao Gaiás a edición especial do Galiverso de Nadal, da que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, entrando virtualmente na casa do Apalpador para fisgar como vive esta figura do Nadal galego.

Esta proposta interactiva en realidade virtual substituirá de xeito temporal o Galiverso que acolle habitualmente o Museo Centro Gaiás, ofrecendo entre o 15 de decembro de 2023 e o 7 de xaneiro de 2024 unha experiencia adaptada para nenas e nenos a partir de 6 anos, cunha duración menor (de 5 minutos aproximadamente) atendendo ás recomendacións de uso da realidade virtual a idades temperás. Así, o límite de tempo obedece tanto á intención de evitar a fatiga asociada cun uso máis prolongado dos lentes de realidade virtual como de facilitar que o maior número de persoas poida acceder á instalación.

A experiencia do Galiverso de Nadal é gratuíta, pero para participar cómpre reservar praza en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás. Pregamos comprobar ben horarios e días de apertura na columna da dereita desta páxina, ou na ligazón de reserva.  

 
En familia