Faraón. Rei de Exipto

Faraón: Rei de Exipto explora o simbolismo e o ideario da monarquía exipcia, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización. A mostra chega á Cidade da Cultura da man da Fundación ”la Caixa” e o British Museum –en colaboración coa Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 2021– con 140 pezas da colección do prestixioso museo británico.

A cara humana dos deuses

A través das estatuas e os monumentos, os faraóns construían con esmero as súas identidades, e proxectaban unha imaxe idealizada de si mesmos, ben como guerreiros poderosos, protectores de Exipto contra os seus inimigos, ben como adoradores ferventes dos deuses, intermediarios entre eles e o resto da humanidade. Tras estas representacións da realeza, con todo, a realidade era moito máis complexa. Os gobernantes desta terra non foron sempre homes: a famosa raíña Hatshepsut, por exemplo, rexeu os destinos de Exipto como faraón entre c. 1472 e 1458 a. C., aínda que nos monumentos oficiais aparecese representada case sempre como un home. Tampouco eran sempre exipcios, xa que en épocas de inestabilidade política e guerra civil, Exipto foi conquistado por potencias estranxeiras, e gobernado por monarcas que rivalizaban entre si, como os kushitas de Nubia (o norte do actual Sudán), que unha vez donos do país formaron a Dinastía XXV (c. 716-656 a. C.).

Á marxe da súa orixe, ou de que fosen homes ou mulleres, os monarcas exipcios definíanse mediante a adopción de símbolos reais; así, por exemplo, inscribían os seus nomes en cartuchos, ou levaban na fronte o ureo, unha figura de cobra ergueita.

Aínda que algúns faraóns foron obxecto de veneración —como Tutmosis III, que deu a súa máxima extensión ao imperio exipcio, ou Amenhotep I, que tras a súa morte foi adorado como un deus—, outros víronse condenados ao esquecemento. Foi o caso de Akhenaton, causante dun profundo trastorno relixioso ao introducir o culto ao disco solar Atón como único deus nacional.

Estatuas, ourivería e obxectos cotiás

Os obxectos expostos en Faraón. Rei de Exipto reflicten a diversidade consustancial á monarquía exipcia. Xunto a estatuas, belos relevos en pedra de antigos templos e ourivería, a exposición tamén presenta obxectos menos habituais: as incrustacións de cores empregadas para decorar o pazo dun faraón, por exemplo, dannos un indicio de como se vivía na corte real; as misivas gravadas en escritura cuneiforme sobre táboas de arxila dan fe da intensa actividade diplomática entre Exipto e Babilonia durante a Dinastía XVIII (c. 1550-1295 a. C.); o arco de madeira dun dos comandantes militares do faraón fálanos do importante que era contar cun exército forte para manter a seguridade das fronteiras do país; e as imaxes de gobernantes persas, gregos e romanos que actuaron como faraóns, lémbrannos, cada un á súa maneira, os múltiples retos que supuña gobernar, en definitiva, unha das maiores civilizacións que coñeceu o mundo.

Deseño expositivo

Dividida en nove ámbitos, a exposición examina a figura do monarca exipcio desde todos os puntos de vista: como ser divino, situado no centro da estrutura social, ao redor do cal se artellan símbolos e crenzas que van máis aló da existencia terreal; na súa vida de palacio, rodeado pola súa familia; como gobernante e como guerreiro, e mesmo pon de relevo as diferentes orixes dos faraóns. A mostra supón, en definitiva, unha oportunidade de coñecer as realidades da vida no val do Nilo e descubrir a fascinante historia que rodea aos Señores das Dúas Terras, encargados de protexer Exipto dos inimigos e de garantir a orde no universo.

A mostra está comisariada por Marie Vandenbeusch –comisaria do Departamento do Antigo Exipto e Sudán do British Museum, onde se encarga do desenvolvemento de exposicións itinerantes e traballa na investigación das prácticas funerarias e máxicas do antigo Exipto– contando como comisario adxunto con Neal Spencer –antigo conservador do mesmo departamento do British Museum e actualmente subdirector de Coleccións e Investigación no Museo Fitzwilliam de Cambridge–.

 
Exposicións
 
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h