10 anos, 10 autores, 10 libros | María Canosa

O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros volve este venres 2 de xullo ao Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. Nesta ocasión a protagonista será a autora María Canosa, que falará do libro de Concha Blanco Berta non soubo voar (Pentalfa, 1995).

Enxeñeira de formación, aínda que vinculada á literatura infantil e xuvenil dende moi nova, María Canosa é unha das autoras máis recoñecidas do panorama literiario galego actual. Dende os seus primeiros contos presentados a diversos concursos a finais dos oitenta ata a súa recente publicación, en colaboración con Bea Gregores, dunha biografía ilustrada de Emilia Pardo Bazán, a traxectoria literaria de María Canosa atende a diferentes xéneros e temáticas.

O seu amor pola literatura infantil e xuvenil venlle de familia. María é filla da autora do libro que seleccionou para a súa charla, Concha Blanco, unha das primeiras autoras de materiais didácticos para o ensino do galego e tamén prolífica escritora de libros para nenos. Afinidades literiarias e afectos familiares entrelazaranse neste novo encontro único de 10 anos, 10 autores, 10 libros.

Seguindo a pauta das anteriores conversas deste ciclo polos 10 anos da BdG, María Canosa estará acompañada por Pilar Sampedro, mestra como Concha Blanco, e que adicou os último anos da súa traxectoria profesional ao proxecto de Bibliotecas Escolares, impulsado dende a Consellería de Educación.

Coa charla de María e Pilar péchase polo momento 10 anos, 10 autores, 10 libros. O ciclo volverá nos meses de setembro e outubro con cinco novos autores: Fina Casalderrey, Pedro Feijoo, Héctor Castiñeira, Andrea Maceiras e Juan Tallón.

 

María Canosa (Cee, 1978)

Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, escritoria, conferenciante, articulista e presentadora de TV. Xa na adolescencia escribe os seus primeiros relatos, premiados en diferentes concursos literarios. Traballou como enxeñeira e foi Directora de Proxectos no Centro de Coñecemento da Costa da Morte. Ten publicados distintos xéneros literarios en diferentes editoriais, estando a maior parte dos seus títulos dentro da literatura infanto-xuvenil. Recibiu distintos premios literarios, entre os que destacan o Premio Merlín de Literatura Infantil, convocado por Edicións Xerais, no ano 2017, pola obra Muriel.

 


Pilar Sampedro (Queiruga, Porto do Son, 1955)

Diplomada e licenciada en Pedagoxía e escritora. A súa traxectoria laboral estivo vinculada á educación, tanto en Primaria como en Secundaria. Tamén se adicou á formación do profesorado. Rematou a súa carreira docente na asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia. Colaboradora de diferentes publicacións como Revista  Galega de Educación ou Fadamorgana. Unha vez xubilada a súa actividade cultural segue a ser intensísima. O Ateneo de Santiago, GALIX ou a Fundación Neira Vilas son algunhas das institucións culturais nas que colabora.

 
Letras & Pensamento